Baltar, Vázquez e Núñez Feijoo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, mantiveron unha reunión de traballo na que decidiron comprometer un investimento de 16 millóns de euros na cidade ao longo do vindeiro mandato.

Esta liña de colaboración institucional, que Jesús Vázquez calificou como «elemento estratéxico imprescindible para o desenvolvemento futuro de Ourense e das súas infraestructuras máis esenciais», inclúe a aportación da Xunta de Galicia dun total de seis millóns de euros, mentres que a Deputación Provincial aportará cinco millóns de euros, idéntica cantidade á que aportará o Concello de Ourense para sumar os 16 millóns de euros previstos.

A distribución deste investimento incluirá a construción dun balneario na cidade, que porá as bases do novo termalismo como un sector estratéxico para a xeneración de emprego e riqueza aproveitando un recurso natural endóxeno.

A segunda infraestructura que se desenvolverá con este plan de investimento consiste na creación dunha instalación polideportiva no barrio de Mariñamansa, que se completará cunha piscina climatizada e que dará servizo á zona sur da cidade, ate o de agora deficitaria neste tipo de instalacións.

Finalmente, os tres responsables políticos acordaron completar o complexo cultural de San Francisco cun novo edificio que suporá o aproveitamento do espazo ocupado pola antiga igrexa, e que quedará integrado ao actual albergue e sala temporal que emprega o Museo Arqueolóxico. Este espazo, unha vez unificado e liberado dos usos actuais, albergará a gran pinacoteca de Ourense. Isto supón a necesidade de construir un novo albergue de peregrinos, compromiso que xa se inclúe no Programa Electoral do PP, como o remate do Museo Arqueolóxico, cuxa licitación podería producirse ao longo do presente exercicio.

«A capacidade de diálogo, de entendemento e compromiso entre as diferentes administracións públicas resulta fundamental e será algo que o Partido Popular defenderá con intensidade en todas as súas accións de goberno. A nosa é unha política de man tendida para construir un futuro que dea oportunidades aos cidadáns de Ourense», recalcou Jesús Vázquez.