A deputada do BNG, Carme Adán reclamou constituír un grupo de traballo entre as administracións coa a adhesión de empresas e fundacións co fin de garantir a viabilidade de Aspanas Termal.

Adán defendeu unha Proposición non de lei, na Comisión de Sanidade instando ao Goberno a impedir “o peche do Centro especial de emprego Aspanas Termal e o mantemento dos postos de traballo das persoas con discapacidade intelectual”.

Pola súa parte, o grupo parlamentario do Partido popular votou a favor da iniciativa nacionalista comprometéndose a constituír o grupo de traballo reclamado pola deputada Carme Adán.

Na súa intervención, a parlamentaria explicou que dende hai un ano Aspanas Termal vén negociando garantir a continuidade do centro e o mantemento dos postos de traballo acadando compromisos entre Aspanas e a Xunta, sen embargo, a situación segue sen arranxarse. A deputada lembrou que xa no mes de febreiro o BNG formulou unha pregunta a consellería de Benestar sobre os compromisos da consellería co centro de emprego especial de Aspanas Termal respondendo que as conversacións continuaban e resultaba “moi importante” manter eses máis de 70 postos de traballo das persoas con discapacidade.

A nacionalista abondou que no mes de maio, a situación é a mesma pero “agravada” polo paso dos meses polo que reclamamos “o compromiso real” da consellería para resolver a situación e que os traballadores non segan ameazados “polo peche do centro”.

Finalmente a parlamentaria congratulouse do acordo acadado e advertiu que o BNG seguirá moi de preto o seu cumprimento.