Xavier Vence e Susana García particiiparon en Ourense nun encontro interxeracional entre mozos e mozas e emigrantes retornados.

O portavoz nacional do BNG cualificou a reunión coma “un encontro interesante porque serve para cruzar experiencias, pero tamén para ver que a realidade deste país da man do PP segue ameazada polo mesmo tipo de carencias”.

De cara a mellorar a situación dos concellos, o portavoz nacional lembrou o papel que xogan as deputacións provinciais. “Cremos que as deputacións son unha institución que sobra, que debe desaparecer. Pero mentres non é así, apostamos porque os seus recursos, os 444 millóns que hoxe reciben, se distribúan directamente aos concellos, con criterios de equilibrio territorial e interese social, para ser utilizados en actividades de promoción económica e de creación de servizos públicos”.

Plan de emprego xuvenil
A candidata de BNG-Asembleas Abertas en Ourense, Susana Garcia, subliñou como prioritaria a creación de emprego, sobre todo entre a mocidade, para evitar así que cada día marchen de Ourense 17 mozos e mozas. Explicou que dende o goberno deseñarán un plan de emprego xuvenil, “un plan de choque contra esa emigración xuvenil, que inclúa axudas para aqueles que xa tiveron que recorrer á emigración e que poidan volver a Ourense, que poidan retornar, atopar aquí un traballo, refacer a súa vida e poidamos así aumentar as posibilidades de futuro que ten esta cidade”.

A candidata Noa Presas, moza que tamén participou no encontro, salientou o exemplo que representan os maiores, coma os membros da plataforma de emigrantes retornados, “exemplo do roubo e da continua estafa do PP ao pobo galego ao ser perseguidos fiscalmente de maneira inxusta e exemplo tamén de loita e dignidade para todos os mozos e mozas deste país”. Presas subliñou a importancia de escoitar testemuñas como as dos emigrantes retornados, “nós non queremos que a historia se repita, nós queremos un futuro aquí en Ourense e nós vamos loitar para quedar na nosa terra”.