O candidato popular considera esencial elaborar unha nova Relación de Postos de Traballo acorde ás novas necesidades de cada servizo municipal.

Os empregados públicos municipais son a base do bo funcionamento do Concello de Ourense. É algo que ten absolutamente claro o candidato popular á alcaldía de Ourense, polo que dentro das súas propostas para mellorar a Administración Local contempla a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, acorde ás novas necesidades de cada servizo municipal.

Ademais, impulsará un Plan de Incentivación e Motivación do Empregado Público a través de mecanismos como a promoción interna, o concurso de traslados e a homologación de postos de traballo. E sen esquecer tampouco a necesidade de levar a cabo unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal, onde se concrete a organización política e a organización administrativa do concello, axeitándoa ás necesidades actuais.

Queremos un Concello responsable, no que non se gaste o que non se ten, e que sexa modelo de xestión eficiente, pública e transparente. Queremos un Concello exemplar no que será fundamental o apoio aos empregados públicos, base para que a administración local preste o mellor servizo aos cidadáns”, sinala Jesús Vázquez Abad.

“Poremos en marcha unha nova maneira de entender a comunicación coa cidadanía, amparada no cumprimento da Lei sobre Transparencia, establecendo un diálogo permanente, auténtico, directo e fructífero, no que os cidadáns se impliquen activamente no bo gobernó da cidade”.

Por todo iso, Jesús Vázquez comprométese a traballar a prol dunha administración local coa menor burocracia posible, áxil, de “papel cero”, cunha xestión electrónica e eficiente que posibilite unha administración cercana e aberta as 24 horas do día, 365 días ao ano.