Concentración contra derribo en Reza

Varios centos de persoas concentráronse este sábado á mañá na casa de Rosa Alonso e Miguel Fernández en solidariedade con esta familia da parroquia de Reza, que está ameazada cunha orde municipal de derrubamento da súa vivenda.

Na concentración, convocada pola Asociación de veciños” Quince de Agosto”, participaron residentes desta parroquia, veciños doutros barrios da cidade das Burgas, familiares e amigos.

No acto amosaron con berros e carteis o seu rexeitamento a esta decisión, derivada da caída no 2011 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado no ano 2003, un plan polo que tiñan legalizada a súa vivenda. Os participantes criticaron a falta de vontade política para sacar adiante outro planeamento urbanístico neste prazo de tempo e cualificaron de “cacicada” a orde de derrubamento en véspera das eleccións municipais, cando hai centos de inmobles na mesma situación sen que se tome ningunha medida.

A casa, diante da que se concentraron estas persoas, é o fogar desta familia dende hai 23 anos. Rosa Alonso e Miguel Fernández construíron nunha parcela que cumpría os requisitos urbanísticos esixidos naquel momento. A orde de derrubamento deriva da denuncia dun veciño que levantou un inmoble grazas a unha licenza da Comisión Provincial de Urbanismo. Este organismo autonómico outorgoulle ese permiso en contra dos informes municipais, que instaban a concedérllela autorización á familia agora ameazada do derrubamento. Eses informes do Concello de Ourense resolvían que a finca do veciño denunciante non tiña a superficie mínima esixida pola lei para construír, polo que lle denegaron a licenza municipal para levantar a vivenda.

Durante o acto de protesta, a familia Alonso-Fernandez agradeceu o apoio dos concentrados e as mostras de solidariedade recibidas estes últimos días, dende que transcendeu publicamente que o Concello ten intención de iniciar as obras de demolición o próximo mércores. O Concello de Ourense contratou esas obras só horas despois de que lle chegara o auto xudicial e sen atender as alegacións presentadas por esta familia, xa que o proxecto de derrubamento vai máis aló e, de levarse adiante, suporía arrasar a finca por completo, incluídas árbores centenarias.

Durante a concentración, Rosa Alonso instou aos veciños a tranquilidade e evitar calquera conflito co veciño denunciante. Ela e o seu marido suliñaron que non se van render e que loitaran ata o último alento para que a administración dea marcha atrás, se paralice definitivamente este proceso e poidan continuar vivindo no seu fogar.

Varias asociacións veciñais, partidos políticos e colectivos como Stop Desahucios xa lles manifestaron o seu apoio e comprometéronse a axudarlles a defender os seus dereitos. Algúns dos seus representantes, veciños e amigos da familia estarán o próximo mércores xunto a eles para evitar que as maquinas arrasen coa súa vivenda.