A Xerencia de Xestión Integrada sae ao paso e asegura total “normalidade asistencial”.

Varios sindicatos da capital (SATSE, CCOO, CIG, SAE e EGT) veñen de denunciar a situación de “abandono e continuo colapso do servizo de urxencias do CHUO”. Queren trasladar as queixas do persoal médico, non só polas súas “pésimas” condicións laborais, senón tamén “a falla de espazos en condicións para tratar aos doentes”. “Dende principios de ano vense sufrindo unha continua saturación que non é recoñecida por ningunha das autoridades”, insisten.

E sinalan a unidade de Alta Resolución de Urxencias (creada recentemente e que supoxo a eliminación de 10 camas de hospitalización de medicina interna, así como a diminución de habitacións individuais de aillamento para infecciosos) que atende a doentes cunha previsión de mellora en menos de 72 horas, sen que sexan contabilizados como hospitalizados. Non obstantes, estas formacións sindicais recalcan que moitos destes pacientes volven a urxencias nunha breve franxa de tempo.

Tamén lembran que co traslado de doentes ao hospital de Toén foi pechado o de Piñor para pacientes con patoloxías crónicas, e aínda que a xerencia asegurou manter o número de camas, dende os sindicatos sinalan que “a realidade foi unha redución de 30 camas de hospitalización”. Así mesmo, denuncian o “amoreamento continuo” de camas en corredores e aulas. “Todo isto acompañado do risco e falla de seguridade que conleva”, reclaman. E evidencian a situación dos pacientes de psiquiatría, “que con frecuencia pasan 48 ou 72 horas ingresados indebidamente na sala de observación”.

A esta falta de espazo físico súmase nos últimos meses, segundo denuncian, “falla de recursos materiais que provoca o desbordamento dos profesionais” (referíndose a escaseza de medicacións de primeira necesidade, roupa de cama, retraso na reparación de camas ou deficiente calidade dos materiais que se mercan).

“Os profesionais e pacientes non poden seguir aguantando esta situación, a cal debe ser resolta por quen teña capacidade de facelo”, esixen. E animan a profesionais sanitarios e á cidadanía a que, se non se solventan estes problemas, acudan ás movilizacións que se programarán en contra da situación actual do servizo de urxencias do CHUO.

Resposta da Xerencia
A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco saíu ao pasos destas denuncias e asegura que “tanto a situación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense como do servizo de urxencias é de normalidade asistencial. A día de hoxe hai dispoñibilidade de 78 camas para ingreso”.

Tamén aclaran que a unidade de Alta Resolución “non restou camas nin a Mediciña Interna nin á nidade de infecciosos”. E insisten nos “ grandes resultados asistenciais” que obtivo a mesma no seu primeiro ano de funcionamento.

Por último, explican que a día de hoxe só hai tres camas pendentes de reparación, e están almacenadas oito camas mecánicas, “en previsión de uso nos periodos de moita demanda”, explican. “O resto de unidades que aparecen nas fotos son camas en desuso, almacenadas para pezas”, conclúen.