BNG de Barbadás

Ante a perda de maioría absoluta do PP tras 28 anos, os nacionalistas están dispostos “a colaborar para que este cambio se faga realidade”.

 

Membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Barbadás compareceron ante os medios de comunicación para avaliar o escenario que se abre neste municipio limítrofe á capital ourensá tralas eleccións municipais. Tras 28 no goberno, o PP perdeu a súa maioría absoluta, quedando o reparto de actas en seis para os populares, cinco para os socialistas, tres para o Bloque, dúas para Democracia Ourensana e unha para Compromiso por Galicia (estas dúas últimas formacións entran novas na corporación).

Para o candidato do BNG-AA, Xosé Manoel Fírvida, con estes resultados “a cidadanía falou claro e falou alto, quere un cambio de goberno no Concello”. Por iso anuncia a disposición da súa formación “para que este cambio se faga realidade”, e aceptará calquera proposta de “goberno de progreso” que se lles presente. “Abrir fiestras, que corra o aire, dar participación á veciñanza, e traballar con honestidade e colaboración de todos os veciños”, son para o candidato nacionalista os requisitos deste novo goberno.

Iso si, Fírvida considera que debe ser o Partido Socialista quen dea o primeiro paso nas negociacións, ao ser a forza máis votada tralo PP. Polo momento non houbo contactos formais co líder socialista, Xosé Carlos Valcárcel, “só conversas persoais”, confirmou Fírvida.

Tendo en conta de que a suma PSOE+BNG non é suficiente para artellar unha alternativa á candidatura popular de Chelo Vispo, o político nacionalista asegura que escoitarán “a todo o mundo”, en referenza a DO e CxG, pero deixou claro que a súa formación non renunciará á defensa da lingua, cultura e identidade nacional galegas.