Susana Bayo

A edil, pertencente ao denominado sector pachista, atribúe á secretaria da agrupación local do PSOE, a responsabilidade dos malos resultados acadados polo PSOE na cidade.

 

A concelleira socialista Susana Bayo achacou este mércores a Carmen Rodríguez Dacosta o fracaso electoral socialista nos comicios municipais deste domingo. Bayo, integrante do sector pachista ou ‘edís díscolos’ neste mandato, considera que a secretaria da agrupación local socialista debe asumir responsabilidades polos malos resultados colleitados (seis edís fronte aos 11 que tiña), pois foi a “responsable da campaña electoral, da organización a nivel local, da toma de decisións”. “Temos que comezar un tempo novo, escoitar o que dixeron os cidadáns e a tomar recado”, apuntou.

En opinión da concelleira de Medio Ambiente en funcións, “non se pode contar, para gañar unhas eleccións, coa metade do partido”. Nesa liña, apuntou a que a xestión do goberno “foi boa” pero que o que prexudicou electoralmente ao partido foi “cinco concelleiros obvialos cando foran elixidos democráticamente”.

No particular da súa área de xestión, o medio ambiente, sinalou que tomou decisións “nalgúns casos moi criticadas” pero das que se ve “o resultado, que está aí, como no parque das Mercedes”. En conclusión, marcha “contenta” da súa xestión.