A concelleira de Igualdade en funcións, Marga Martín, a técnica Malena de Jesús e a coordinadora, Berta Veiga presentaron o Espazo Coeduca, un programa que desenvolve o Concello, dirixido a nenas e nenos de 4 a 10 anos de idade, que se desenvolverá en xullo e agosto.

O programa, posto en marcha en 2012, ten como obxectivo crear un espazo de aprendizaxe lúdico e creativo onde se desenvolvan actividades que posibiliten que nenas e nenos se sintan protagonistas do seu propio proxecto vital e lles permitan vivenciar que o feito de seren mulleres ou homes ten a mesma importancia.

Espazo Coeduca é un espazo igualitario de lecer, no que se desenvolverán actividades de expresión corporal e dramatización, expresión plástica e artística, e cociña creativa, divididas en dous grupos (Arco da Vella e Estrela Polar) e distribuídas entre o luns e o venres en horario de 10 a 13 horas. A final de cada mes haberá unha festa final cos menores e as súas familias.

As persoas interesadas poderanse inscribir na Concellería de Igualdade a partir do 16 de xuño, de 10 a 13:30 horas ou recibir máis información no teléfono 988393191.

Sensibilización sobre violencia de xénero

A concelleira de Igualdade fixo tamén balance do programa de sensibilización e prevención contra a violencia de xénero nos centros educativos de Ourense, no que participaron 200 alumnos e alumnas de 12 a 16 anos, dos centros Prieto Nespereira, Portovello e IES O Couto, e do programa de prevención da violencia dirixido a mulleres que viven ou teñan vivido situacións de violencia machista, con 12 participantes, e 3 liñas de traballo: grupo de apoio, titorías individuais e obradoiros temáticos