Foi posto en marcha por doce concellos de Galicia, entre eles o de Ourense.

Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo, sintonía, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua.

E ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade… Son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos nos seus primeiros anos de vida (de 0 a 6) para achegarlle argumentos, facilítalle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas infantís, as ludotecas ou os parques.

Desde a organización do proxecto elaboráronse unha serie de materiai co que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos se faga en galego, que se difundirá principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría, establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, centros maternais etc.

As familias que vaian ter un fillo recibirán unha caixa de benvida con material para a crianza en galego, que inclúe o polbiño Po (un boneco-mantiña suave e agarimoso coa forma dun polbo, que será a imaxe da campaña), un libro-guía, un albúm de recordos e primeiras experiencias, un medidor de crecemento e un adhesivo para o coche.

Espazo web
Tamén se creou un espazo virtual (www.apego.gal) de información e intercambio que servirá de punto de encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen incorporar ou manter o galego.

Nesta web, podemos atopar diversas seccións: Quen somos? (identificación e contacto); 10 razóns para falarlle en galego desde o principio; que o seu nome sexa propio (invitación a escoller un nome galego); novas; actividades; recursos (arrolos, recitados e xogos de dedos; vocabulario; modelos de convites para aniversarios, festas…; información básica sobre coidados infantís; descarga de materiais…); e súmate (formulario para adherirse á comunidade),

Música en galego para os primeiros anos
Unha vez que chegue o bebé, ás familias que o/a empadroen entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo.

Outras actividades
Ademais de todo isto, cada concello irá organizando tamén encontros, actividades e obradoiros para diferentes colectivos implicados no programa coa finalidade de axudar á crianza en galego.