Antón Pulido

A Fundación Otero Pedrayo entregará o 28 de xuño o Premio Trasalba ao pintor Antón Pulido, coa xa tradicional romaría literaria na Casa Grande de Cimadevila á que asisten cada ano medio milleiro de persoas.

O auditorio da Casa Museo acollerá, dende o mediodía, a presentación do libro «Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888 – 1976)»; a laudatio do editor Bieito Ledo a Antón Pulido, XXXIII Premio Trasalba; a presentación do libro «Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa»; unha actuación do cuarteto Caramuxo de Vigo e máis a intervención final do homenaxeado. A seguir, haberá un xantar de amizade no souto de Trasalba.

Á hora de concederlle o premio, a Fundación valorou a traxectoria artística do homenaxeado, a calidade e personalidade da súa obra como pintor e gravador, así como o seu vencello á figura de Ramón Otero Pedrayo, veciño das mesmas terras de Amoeiro. De feito, don Ramón foi quen apadriñou a segunda exposición do artista no Museo Arqueolóxico de Ourense, en 1972, onde xa expusera o ano anterior, da man de Xesús Ferro Couselo. Escribía daquela o señor de Trasalba:

O premio, que ten carácter honorífico, non retribuido economicamente, está representado por unha figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, obra do escultor Buciños.

Proxección internacional dende as raíces
Licenciado en Pintura e Gravado pola Facultade de Belas Artes de Sant Jorni (Barcelona), a abondosa produción de Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) figura en numerosas coleccións públicas e privadas e foi presentada en museos e galerias dentro e fóra de Galicia.

A Fundación valorou a profunda relación da pintura do artista coa Galicia tradicional, moi especialmente das paisaxes e tipos humanos de Ourense, sen renunciar ás formas contemporáneas da expresión artística, sempre na procura de novos xeitos de creación.