Policías no desaloxo da casa de Reza

Pasadas as nove da mañá unha vintena de policías entraron na finca para desaloxar ás ducias de veciños que acompañaron á familia na súa última noite na vivenda.

O despregamento policial ao redor da vivenda de Reza sobre a que pesaba unha orde xudicial de demolición comezou de madrugada. Como xa sucedera hai menos dunha semana, ducias de axentes da Policía Nacional e da Local rodearon os accesos ao inmoble de Rosa Alonso e Miguel Fernández desde ben cedo, para impedir o paso a veciños e xornalistas; só estiveron presentes os que quedaran a durmir na parcela en tendas de campaña.

Pasadas as nove da mañá, unha vintena de axentes antidisturbios accedían á casa acompañando aos funcionarios municipais que ían iniciar o desaloxo. Pouco a pouco foron despexando ás persoas presentes, que non opuxeron resistencia pois os propietarios querían un desaloxo pacífico. Fóra da finca, no camiño atrancado por dous furgóns policiais, outros veciños coreaban cánticos en apoio a Miguel e Rosa, e berraban, indignados, contra a actuación policial e do Concello e contra o veciño denunciante. Mentres, ían chegando as máquinas para comezar a operación de demolición; un camión con pluma e valados e unha retroescavadora.

{gallery}stories/novas/20150610_desaloxoreza{/gallery}

“Nos fueron sacando a todos de malas maneras”, dicía Estela Bermello, unha das persoas que acompañaron a Rosa e Miguel na súa casa. Entre os desaloxados estaban os futuros concelleiros de Ourense en Común Miguel Doval e Ledicia Piñeiro ou a edil saínte do BNG Ximena González, así como xornalistas. Os axentes tamén ‘escoltaron’ á propia familia e ao seu avogado fóra da finca, moito máis lonxe dos cinco metros de perímetro de seguridade que establecía o proxecto de demolición. “Tengo que deciros que las formas de esta ciudad son escandalosas, yo iba a dejar mi casa de forma pacífica, colindante a la finca está la de mis padres de 5.000 metros y no me puedo quedar, tampoco me dejaron ir junto a mi madre (unha casa situada ao outro lado do camiño), tuve que esconderme como una terrorista”, explicaba Rosa Alonso aos medios de comunicación.

Mentres, o seu marido, Miguel Fernández, comunicábase telefonicamente co Seprona para alertar de que o derrubamento respectase as árbores que hai na finca; “din que non teñen competencia (para intervir)”, indicaba despois aos xornalistas. Miguel insistía en que non cuestiona o auto xudicial –que obriga á demolición da casa unifamiliar por sentenza firme do TSXG- senón “que se faga deste xeito, parece que o alcalde saínte ten moita présa en deixarlle tema medio resolto”. “Os responsables teñen que dar explicacións”, dicía, en referenza á falta de resposta municipal ás irregularidades no proxecto de demolición (falta de licenza, de aprobación en Xunta de Goberno e de informes sectoriais) que denunciaba o avogado da familia.

Traslado da protesta á praza Maior
Visto que as máquinas xa entraran na finca de Rosa e Miguel, un grupo de veciños e activistas trasladaron as súas protestas ata a casa consistorial, onde se estaba a celebrar o último pleno do mandato. Alí increparon ao alcalde en funcións pola súa actuación neste caso, que el defendeu trala sesión plenaria porque «solo está cumpliendo una orden del juez”.

Tamén foi moi crítica co comportamento de Agustín Fernández a concelleira nacionalista saínte Ximena González, presente no desaloxo e no pleno. González, nun comunicado remitido á prensa, opinaba que “o que moitas non entendemos son as chapuzas administrativas e as presas para a súa execución, algo que terá que explicar Agustín Fernádez tarde ou cedo”.

As críticas á decisión de seguir adiante coa orde de derrubamento mesmo chegaron ao seo do grupo socialista. A edil crítica Susana Bayo publicaba un tweet no que dicía: “non entendo determinadas prisas. día moi triste. A política está para solucionar os problemas das persoas”.

Situación xurídica
Sobre a casa de Rosa e Miguel situada no lugar de Aira, Barreiros, Reza, pesa orde de demolición a raíz dunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 1 de Ourense, confirmada en apelación por sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG por ser construída sen licenza en solo non urbanizable ou rústico. A licenza de legalización coa que contaba fora concedida ao amparo do PXOM de 2003, que, ao ser anulado, levou consigo a anulación desta.