A representación sindical cualifica de «pouco seria» a posición da empresa e considera que hai «escasa vontade de acordo» na dirección da téxtil ourensá.

Este martes, logo do paro e concentracións do inicio da xornada, celebrouse unha nova xuntanza da comisión negociadora do ERE de Adolfo Domínguez no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas. A empresa, en resposta á proposta sindical unitaria presentada en anterior xuntanza, formulou algúns matices que a representación do persoal considerou «totalmente insuficientes» cualificando a proposta empresarial de «escasamente seria».

A representación empresarial formulaba a rebaixa de dez despedimentos, o aumento da indemnización de 25 a 27 días cun tope de 16 mensualidades; o compromiso dunha moratoria de dous anos para despido colectivo pero non para despedimentos individuais; manter o traslado da liña U para Madrid; a realización de baixas voluntarias pero con dereito a veto por parte da empresa, non podendo apuntarse as nacidas no ano 65 ou en anteriores; e unha negativa a prexubilacións.

Os representantes sindicais manifestaron que non era» unha proposta seria» e que neses termos «era imposible dialogar» polo que se mantiveron na proposta sindical unitaria formulada con anterioridade, quedando as partes en reunirse de novo este xoves, ás 11:00h.

Nesa proposta sindical apostábase polo rexeitamento do ERE e a negociación de medidas alternativas «non traumáticas» como prexubilacións para maiores de 55 anos, baixas voluntarias incentivadas con indemnización de 35 días por ano, alternativas ao traslado da liña U a Madrid, o establecemento dun criterio de igualdade e non discriminación na mobilidade funcional, «afectando a todo o persoal por igual, e mantendo, en todo caso, as condicións económicas actuais»; a suspensión durante seis anos dos despedimentos individuais ou colectivos, agás os disciplinarios; e unha redución salarial do 25% para os equipos directivos de Adolfo Domínguez «mentres a conta de resultados da empresa permaneza en negativo».

En consecuencia, o comité de empresa acordou convocar unha asemblea o mesmo xoves ás 17:30h., con concentración ao remate, así como folga para toda a xornada do luns 15.