Presentación da exposición de Radu

 “Doce balas” é o título da exposición coa que o escultor santiagués Radu se presenta no Centro Cultural da Deputación ata o 16 de agosto.

A mostra vén marcada por unha beleza plástica impactante e por ser un traballo innovador. O escultor emprega basicamente papel que recicla e co que vai tecendo unha serie de tramas para converter este material tan común en obras con referencias figurativas que reproducen o seu animalario particular. “Esta é unha obra innovadora. Eu non teño visto nada así, é algo novo e, plasticamente, resulta moi próximo á xente porque dáselle unha nova vida a algo que é un material de desfeita creando esa vida con algo que xa foi rexeitado”, dixo o artista na presentación do seu traballo.

O título da exposición está recollido dunha das pezas que conforman a mostra e que incorpora “doce balas, pero son balas de papel, como se fosen balas de palla, ao redor dun cruceiro. Nesas doce balas vai todo un mundo que antes estaba impreso nese papel e que asume agora outro contido”, explicou Radu.

Tanto o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, coma o director do centro cultural, Francisco González, e o asesor cultural, César Fernández, salientaron a beleza e o impacto desta obra que os ourensáns poderán visionar ate o día 16 de agosto.

[Fotografía de Alberte Paz]