Cabalo de Troia contra o TTIP

Amigos da Terra trouxo á cidade a súa denuncia contra o Tratado transatlántico de comercio e investimentos entre EUA e a UE (TTIP, polas súas siglas en inglés).

 

O TTIP é, a xuízo da asociación ecoloxista, «o novo Cabalo de Troia dos nosos tempos» e por iso así o representaron este mércores nunha acción de denuncia contra o tratado na nosa cidade, cun cabalo de Troia inchable de 8 metros, como parte da súa andaina por máis de 10 localidades ao longo de todo o Estado español. Esta acción ten como fin «informar á sociedade sobre as graves consecuencias que ten este acordo a todos os niveis e botar luz sobre a desinformación á que nos someten partes negociadoras».

Activistas de Amigos da Terra apoiados por outras organización sociais que forma parte da Campaña NON ao TTIP, fixeron unha pequena teatralización das negociacións segredas do Tratado e posteriormente estiveron repartindo información sobre as consecuencias e efectos negativos do TTIP sobre a nosa saúde, ou medio, e a xustiza social. Tamén se recolleron sinaturas que sumar á petición internacional contra o tratado internacional que xa leva recollidas dous millóns de rúbricas de cidadáns da Unión Europea.

En opinión da asociación ecoloxista, os promotores do TTIP «pretenden facer ver que o tratado liberalizará e estimulará ao comercio achegando riqueza, mais non falan da colección de nefastas secuelas que trae consigo». Refírense, por exemplo, a que “os transxénicos abundarán nos nosos pratos sen que poidamos sábelo; comeremos carne tratada con fármacos prohibidos hoxe en varios países europeos e diminuirán os controis de calidade; aumentará o uso do fracking e outras formas de enerxía sucia; …», explicaba Xulio López, de Amigos da Terra.

[Fotografía de Víctor Barro / Amigos da Terra]