Surf, barranquismo, rafting, ioga e pilates compoñen o programa do proxecto “Embárcate” 2015.

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza unha nova edición do programa “Embárcate”, que proporcionará actividades de lecer para a mocidade ourensá durante o verán. Surf, barranquismo e rafting, ioga e pilates son as propostas, que se poñen á disposición de mozos de Ourense, co obxectivo de servir de alternativa de lecer durante as fins de semana de verán e fomentar os valores do deporte, coñecemento da natureza e a convivencia.

As persoas interesadas poderán inscribirse desde o 12 de xuño, na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Praza de San Martiño) ou por correo electrónico en xuventude@ourense.es. As prazas adxudicaranse por orde de presentación de solicitudes.

Actividades
Entre as actividades que inclúe o programa “Embárcate” este verán atopamos “Saudando ao sol”, sesións gratuitas de ioga e pilates, relaxación e meditación guiadas dende a respiración, co fin de lograr una maior consciencia corporal, claridade mental e saúde física e emocional. Para maiores de 15 anos, conta con 20 prazas, e desenvolverase no parque Barbaña os martes de 20 a 21:30 hora (ioga) e xoves de 20 a 21 horas (ilates) do mes de xullo.

Outra opción é pasar unha fin de semana na praia da Lanzada participando nun curso de iniciación ao surf. Para maiores de 18 anos, conta con 24 prazas, e será os días 18 e 19 de xullo. Esta actividade ten un custo de 43 euros, que inclúe desprazamento, aloxamento, pensión completa, actividades e alugueiro de material.

Por último, tamén inclúe o “Sábado de aventura”, que terá lugar o 8 de agosto cun descenso de canóns (barranquismo) no río Cerves e rafting no Miño por augas bravas en balsa inchable, para 24 mozos maiores de 18 anos. Trátase de dúas actividades completamente gratuitas.