Presentación das Festas de Ourense 2015

A edil de Cultura en funcións, Ana Garrido, agarda que “ourensáns de todas as idades disfruten” cunhas festas que definiu como “comedidas”.

Ourense celebrará as súas festas maiores do sábado 20 ao domingo 28 de xuño. A programación era presentada este venres pola concelleira de Cultura en funcións, Ana Garrido, acompañada polo autor do cartel por terceiro ano consecutivo, o artista Baldomero Moreiras, e polo técnico municipal Manuel Freire. O encargado de dar o pregón será o escritor ourensán afincado na Coruña Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco”.

Garrido cualificou as festas de “comedidas” (repite o orzamento do ano pasado, 325.000 euros) pero ao mesmo tempo programadas para encher as rúas e que “ourensáns de todas as idades disfruten”.

Entre as novidades, a feira gastronómica “Sabores de Ourense” que se instalará do 20 ao 28 na praza das Mercedes, ou o Enofestival Ourense 2015 no bulevar termal o sábado 27, mesma ubicación que un “happening” a cargo da aula de teatro universitario Maricastaña o día 24.

Repiten as actividades infantís na Alameda do Bispo Cesáreo; o mercado histórico nas rúas da zona vella entre o 25 e o 28 de xuño; as sesións vermú con aperitivos e ambientación musical no bulevar termal os días 27 e 28; o teatro de rúa, con representacións no Paseo a diferentes horas do día; a feira cultural “Río da vida” nos xardíns do Padre Feijoo; e o espectáculo pirotécnico da medianoite do sábado 27.

O que non haberá este ano será batalla de flores, nin tampouco a concentración de xigantes e cabezudos coa que se substituira en 2014.

Catro escenarios para os concertos
En canto aos concertos, haberá de todos os estilos e forte presenza de grupos ourensáns. Os de formato grande ubicaranse no xardín do Posío (Ourense Dance, orquestra Fin de Siglo, La Sra. Tomasa, Ourenfest con Leiva, Priscilla, best Life e Dj cora Novoa; Noblesse Oblige, e orquestra Estrellamar).

Os medianos no escenario da praza Maior (Daniel Minimalia, Novedades Carminha, The Soul Jacket, Os amigos dos músicos, Renegados , Emilio Rúa, María do Ceo, Reggatta de Blanc, e Deolinda).

E os pequenos, nas prazas de San Martiño ( Ana Lains, Pesdelán, Palito, Banda de Música Municipal) e do Ferro (The Boo Devils, Los Innato, The Legendarya Country Grayhounds, Habitación Vudú, e o IV Festival de Canto).

O Derrame Rock será en xornada única o sábado 27, ao aire libre no recinto de Expourense, cun cartel conformado por Los Suaves, Michael Schenker’s Temple of Rock, Rosendo, Burning, Siniestro Total, Aphonnic, Bergallazo e Contra as cordas.

Concerto de The Waterboys

No que respecta ao concerto xa anunciado da mítica banda británica The Waterboys, foi adiado ao non darlle tempo ao novo Goberno local a rematar os trámites da súa contratación.

Actividades paralelas
As Festas de Ourense contan sempre cun apartado deportivo destacado. Nesta edición, haberá atletismo, balonmán, orientación, aeromodelismo, kung fu, natación sincronizada, fútbol sala, wushu e piragüismo.

Tamén se poderán visitar nestes días tres exposicións: “O Viño do Mar” no Auditorio, “Ourense imaxinado” na Sala Valente e “Fragmentos de vida” no Museo Municipal.

Ou achegarse ata Seixalbo a gozar da súa Festa dos foros o venres 26 e sábado 27, xornada esta que inclúe visita ás adegas do pobo, a entrega do premio Freire Carril e concerto para concluir.