Xosé Carlos Valcárcel, novo alcalde de Barbadás

O socialista Xosé Carlos Valcárcel, novo rexedor, co apoio dos votos do BNG e de Compromiso.

Pleno histórico en Barbadás onde, tras 25 anos de goberno popular, un socialista senta no sillón da alcaldía. Xosé Carlos Valcárcel, despois de oito anos na oposición, foi proclamado este sábado novo rexedor de Barbadás, grazas á maioría que suman os votos da súa formación (cinco edís), os tres do BNG (que tamén entra no goberno), e o do edil de Compromiso por Barbadás (que quedará na oposición).

A mediodía deste sábado 13 de xuño, non cabía un alfinete no salón de plenos do Concello de Barbadás. Tras xurar ou prometer os seus cargos, os 17 edís que conforman a nova corporación neste municipio limítrofe coa capital ourensá elixían a man alzada o seu alcalde. As cabezas de lista do PP, Chelo Vispo, e de DO, Fina Varelas, votáronse a si mesmas, pero quen conseguiu os nove votos que dan a maioría foi o candidato socialista, Xosé Carlos Valcárcel, grazas aos cinco votos socialistas, aos tres do Bloque e ao voto do concelleiro de Compromiso, Ramón Padrón.

{gallery}stories/comarcas/20150613_plenobarbadas{/gallery}

No seu discurso xa como alcalde, Xosé Carlos Valcárcel prometeu un concello “máis aberto e próximo” con maior participación cidadá e no que ve imprescindible o “diálogo” coas demais forzas políticas (non en van o goberno quedará conformado con oito edís fronte aos nove da oposición). O socialista traballará por un municipio con “máis cohesión social e menos desigualdades” sendo as políticas sociais prioridade; reclamará “a colaboración leal” da Xunta e da Deputación para conseguir infraestruturas como o centro de saúde, unha segunda escola infantil e o instituto; revisará as taxas municipais; recortará as partidas de protocolo, publicidade e representación; e tratará de mellorar “todos os servizos públicos”.

Nas palabras de Valcárcel houbo momentos de emoción, como cando recordou ao seu pai; e rematou a súa intervención cun poema de Rosalía de Castro sobre a emigración e un “toca empezar a traballar por un Barbadás mellor”.

Os socialistas compartirán a partir de agora goberno co BNG. O seu líder, Xosé Manoel Fírvida, expresou o desexo desta formación de «participar nun novo tempo político en Barbadás» e de «estar á altura da confianza que (os veciños) depositaron en nós».

A sesión de constitución de corporación finalizou coa interpretación do himno galego, especialmente sentida no caso dos edís nacionalistas.