Jesús Vázquez, alcalde de Ourense

Non houbo sorpresas de última hora e os dez votos do Partido Popular (lista máis votada) bastaron para proclamar a Vázquez novo rexedor da capital ourensá.

Jesús Vázquez Abad tomou posesión como novo alcalde de Ourense no pleno da Constitución da Corporacion Municipal, que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello. Vázquez Abad, candidato do PP, foi investido alcalde por ser o concelleiro que encabezou a lista que obtivo un maior número de votos nas eleccións municipais do dia 24 de maio.

O Pleno comezou coa toma de posesión dos 27 concelleiros e concelleiras que desde hoxe integran a corporación municipal: 10 polo Partido Popular, 8 por Democracia Ourensana, 6 por PSdeG-PSOE e 3 por Ourense en Común.

{gallery}stories/novas/20150613_novacorporacion{/gallery}

Trala votación para a elección de alcalde, o candidato do PP, Jesús Vázquez, recibiu 10 votos, o cabeza de lista de DO Gonzalo Jácome 8, José Ángel Vázquez Barquero, do PSdeG-PSOE obtivo 6 e Miguel Doval, de Ourense en Común, 3. Unha vez finalizado o escrutinio, ao non rexistrarse maioría absoluta, foi proclamado Jesús Vázquez, que encabezou a lista que obtivo o maior número de votos nas pasadas eleccións do 24 de maio.

Na súa investidura, o novo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, expresou a súa vontade de ser o alcalde de todos os ourensáns, e avanzou unha política de man tendida, diálogo, transparencia, centrada no beneficio colectivo e na busca do consenso. Unha etapa de 4 anos de retos para a cidade, dixo, na que citou eixos estratégicos como o ordenamento urbanístico, as infraestruturas ferroviarias, o termalismo, turismo, comercio, coidado das persoas maiores e os servizos sociais, entre outros.