Jesús Vázquez

O novo rexedor pediu á oposición que sexa “firme” e “corresponsable” nos grandes proxectos da cidade.

 

Expectación este sábado no salón de plenos de Ourense durante a constitución da nova corporación. A tribuna do público e a zona de prensa estaban ateigadas de xente que quería saber se finalmente Jesús Vázquez era investido alcalde da cidade.

Tras quedar conformada a mesa de idade (polos edís de DO Domingo Castro e Pablo Prol), os 27 concelleiros (10 do PP, 8 de DO, 6 de PSOE e 3 de OueC) xuraron os seus cargos. Aquí repetiuse a tónica habitual: case todos os edís populares “xuraron” os seus cargos, e a maioría dos restantes “prometeron”. Dous de Democracia Ourensana fixérono “por imperativo legal” ao igual que os tres novos concelleiros de Ourense en Común, que ademais engadiron ao texto establecido a fórmula “conforme ao mandato das veciñas de Oruense e da asamblea de Ourense en Común comprométome a levar os principios de participación e transparencia así como a loita polo ben común ao Concello”.

Á hora de votar en urna non houbo sorpresas e todos fixeron o que estaba anunciado: cada grupo votou ao seu candidato, saíndo elixido Jesús Vázquez con 10 votos por ser o partido máis votado, aínda que sen obter maioría absoluta.

Discurso de Jesús Vázquez
Tras facerse co bastón de mando, o novo alcalde expresou a súa vontade de ser o alcalde de todos os ourensáns, e avanzou unha política de man tendida, diálogo, transparencia, centrada no beneficio colectivo e na busca do consenso. Unha etapa de catro anos de retos para a cidade, dixo, na que citou eixos estratéxicos como o ordenamento urbanístico, as infraestruturas ferroviarias, o termalismo, turismo, comercio, coidado das persoas maiores e os servizos sociais, entre outros. Vázquez pediu á oposición que sexa “firme” pero tamén “corresponsable” nos grandes proxectos da cidade.

Valoracións da oposición
Con respecto ao feito de que Ourense sexa unha das poucas cidades nas que o PSOE deixou gobernar ao PP en minoría ao non querer pactar con Democracia Ourensana, o líder socialista José Ángel Vázquez Barquero puntualizaba á saída da sesión plenaria que nin el nin o seu partido estaban “para esquizofrenias”, en referenza á actitude de Gonzalo Jácome. Este afirmaba “a ver si la justicia echa a este inútil” (por Barquero) e xa anunciaba a posible presentación dunha moción de censura contra o goberno popular.

Pola súa parte, Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común, agardaba «que ese ton de compromiso e de conciliación se manteña e non sexan meras verbas dun discurso inaugural». Os integrantes desta nova formación apoiaron unha concentración veciñal na praza Maior en apoio á familia de Reza cuxa casa está a ser demolida estes días.

Tamén na praza Maior, un grupo de mulleres, autodenominadas Plataforma de Putas e Desviadas de Ourense, realizaron unha acción lúdico-reivindicativa nomeando “alcalde das putas e desviadas ourensanas”, coa que querían lembrar aos edís “especialmente ás de Democracia Ourensana, que a política local non se contrúe desde o insulto e u odio”.

Primeiras decisións de Vázquez
Unha das primeiras decisión que tomou o novo alcalde ourensán foi acudir este domingo á Ofrenda do Antigo Reino de Galicia en Lugo.

O COB e a financiación que precisa para entrar a xogar na ACB é un dos primeiros problemas cos que Jesús Vázquez terá que lidiar. Os afeccionados cobistas convocaron unha concentración este domingo ás 19 horas na praza Maior, para presionar ao novo goberno, e o presidente do club terá unha reunión co novo rexedor a primeira hora do luns. Todo para conseguir que o Concello de Ourense avale parte dos tres millóns de euros que presta Abanca para xogar na máxima categoría do baloncesto español.