Trataron temas como a adxudicación do servizo de axuda no fogar ou a apertura do matadoiro municipal.

Este 25 de xuño tivo lugar a primeira xuntanza da CIG co novo grupo de goberno do Carballiño. Por parte do Concello estaba presente o alcalde e a futura concelleira de servizos sociais. En nome da CIG asistiu a representante das do servizo de axuda a domicilio do concello, o secretario da Federación de Administración Pública, Manuel G. Canitrot, e o secretario comarcal da CIG, Etelvino Blanco. “Sacamos unha boa impresión desta primeira toma de contacto e coidamos que se abriu unha canle de comunicación no que exista o ambiente propicio para chegar a acordos”, concluíron dende o sindicato trala reunión.

A CIG preguntou sobre a situación da adxudicación do servizo de axuda no fogar, en canto ao cal os novos dirixentes explicaron que “ no próximo pleno irá a adxudicación provisional do servizo”. “Pensamos que se van normalizar as relación laborais e que se vai abrir unha canle de traballo e colaboración”, concluíron dende a CIG.

Así mesmo, tratouse a reapertura do matadoiro municipal. Neste senso, o novo rexedor considera que en dous meses se procedrá á adxudicación. Ademais, comprometeuse a estudar a posibilidade de contratar aos antigos traballadores, tal e como lle pediron dende o sindicato, e ademais adiantou que nesta nova etapa agarda que “se amplíe considerablemente o número de postos de traballo”.

Así mesmo, os representantes da CIG trasladáronlle as súas demandas de que a residencia do mario de Cornuval sexa pública ao 100%, unha visión que comparte o novo goberno. Por último, ambas partes tamén coincidiron na importancia de que a residencia de tempo libre conte con traballo suficiente para que a súa apertura se manteña durante todo o ano; o Concello compreteuse a colaborar ao respecto.