Coro Piñeiro na residencia de Pereiro de Aguiar

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, participou no XXVII Congreso Internacional de Xerontoloxía e Xeriatría que tivo lugar en Ourense.

A Consellería de Traballo e Benestar aposta por reforzar a colaboración directa entre os departamentos de sanidade e de benestar, e por continuar fomentando a actividade e autonomía persoal dos maiores de cara a seguir mellorando a atención e benestar deste colectivo.

Así o salientou a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, durante a súa participación no XXVII Congreso Internacional de Xerontoloxía e Xeriatría que tivo lugar en Ourense, onde aproveitou para destacar o “gran labor” que desenvolven estes profesionais na atención aos maiores.

Segundo apunto a responsable autonómica, un dos piares de actuación do Goberno galego é o fomento do envellecemento activo, que contribúe á saúde e fomenta a solidariedade interxeracional.

Grazas aos esforzos da Xunta nesta área, a Comisión Europea nomeou a Galicia como rexión de referencia do envellecemento activo grazas aos avances realizados, especialmente no ámbito das novas tecnoloxías. Como exemplo, Piñeiro apuntou aos sistemas avanzados de teleprevención como Miavizor, que conta con preto dun cento de usuarios activos na provincia de Ourense.

Ao mesmo tempo, fixo fincapé na coordinación sociosanitaria, xa que “unha acción coordinada, eficiente e integral pode ofrecer os mellores servizos aos nosos maiores”. Así, téñense posto en marcha iniciativas como a Estratexia de cronicidade, para aquelas persoas con doenzas crónicas; ou o Plan marco de atención sociosanitaria. Ademais, tamén se ten impulsado a primeira Estratexia para a prevención da dependencia, unha folla de ruta composta por 400 medidas ata 2020.

Posteriormente, a secretaria xeral de Política Social desprazouse ata a residencia para persoas con discapacidade intelectual e trastorno mental da Fundación San Rosendo en Pereiro de Aguiar co fin de coñecer de primeira man as súas necesidades.