A infraestrutura fora construída ilegalmente hai dez anos e sobre ela pesa sentenza de derruba do TSXG.

O Parlamento galego aprobou este venres por maioría a Proposición non de lei da deputada do grupo mixto Carmen Iglesias Sueiro “sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que se ordena o derrubamento do pavillón polideportivo do concello de Melón”.

A obra valeulle a inhabilitación por prevaricación ao rexedor popular Alberto Pardellas. A súa sucesora e muller, Cristina Francisco, tamén do PP, seguiu tentando legalizar a obra a pesar de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza definitiva de demolición, nun prazo de tres meses dende febreiro de 2015.

Iglesias Sueiro instou á Xunta a frear á alcaldesa,» que asemella ser a xefa dun Cartel, e ao seu marido inhabilitado por prevaricación por negarse a derrubar o polideportivo e que supoñen unha gran vergoña para o país». A parlamentaria criticou aos populares por non terlle aberto expediente durante estes anos.

A deputada do G.P. Mixto xa fixera unha pregunta urxente ao Goberno no pleno da Cámara galega do seis de maio, sobre o cumprimento da sentenza do polideportivo. Daquela a consellira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, comprometérase a que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) executaría o derrube.