A dedicación exclusiva do rexedor socialista ascende a 50.000 euros brutos anuais.

O pleno do Concello de Amoeiro aprobou este xoves, usando o voto de calidade do presidente da Corporación, a dedicación exclusiva do alcalde do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino. Esta dedicación exclusiva supón un gasto de máis de 50.000 euros, dos que 38.656 euros corresponden ao salario bruto e 12.000 euros de cotas da Seguridade Social.

O Partido Popular de Amoeiro considera «esproporcionado» este custo para a xestión dun Concello de 2.300 habitantes. Aínda por riba, engaden, o alcalde solicita autorización para desenvolver tarefas docentes como profesor asociado na Universidade de Vigo, segundo dixo, en horario de tarde e sen interromper a súa dedicación ao Concello, que se aproba do mesmo xeito.

Ante esta situación, o Partido Popular preguntou no pleno cal ía ser o horario do alcalde como profesor xa que no punto anterior se aprobara a adicación exclusiva ao Concello.

En palabras do portavoz do PP de Amoeiro, José Sampayo, “acábase de aprobar unha dedicación exclusiva do alcalde ao Concello que custa o mes máis de 4.200 euros mensuais e ao mesmo tempo se aproba a dedicación parcial á Universidade”. É dicir, “en Amoeiro temos un alcalde con dedicación exclusiva que en realidade o está cumprindo parcialmente”, recalca José Sampayo.