Os alcaldes socialistas deste novo mandato reuníronse coa dirección provincial para poñer en común as políticas municipais.

Os alcaldes socialistas da provincia de Ourense comprometéronse a aplicar «paulatinamente» o programa electoral co que concurriron ás pasadas eleccións municipais, «centrado basicamente en promover a creación de emprego, reforzar os servizos sociais e garantir os servizos públicos».

Os rexedoes reuníronse este venres nun xantar coa dirección provincial do PSdeG para poñer en común a política municipal nesta nova lexislatura. Unha reunión á que asistiron o secretario provincial, Raúl Fernández, a secretaria de Organización, María Quintas, e outros integrantes da Comisión Executiva, xunto cos alcaldes dos concellos nos que se formaron grupos de goberno municipal de progreso.

Para o PSdeG cobra especial relevancia o feito de que as principais vilas da provincia estean gobernadas por alcaldes socialistas, que deberán desenvolver o papel de ser impulsoras do cambio nos seus concellos e comarcas. De aí que se valore especialmente a necesidade de desenvolver unha política máis transparente e participativa, que atenda ás necesidades e suxestións da maioría da poboación.

Precisamente, unha das cuestións que se analizou nesta xuntanza é a continua perda de poboación nos concellos, fundamentalmente, nos máis pequenos, o que pon de manifesto a urxencia de aplicar unha política que permita asentar á cidadanía nos seus concellos de orixe.

Para isto, reclamarán á Xunta e á Deputación unha serie de medidas que permitan xerar emprego e manter os servizos sociais e servizos públicos como elementos esenciais para parar o descenso demográfico, que é certamente alarmante.

Por último, na reunión contrastáronse as experiencias das alcaldías máis veteranas coas novas ideas das alcaldías máis recentes, co obxecto de introducir cambios que permitan mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas dos concellos e dar resposta ás súas inquedanzas.