Protesta por peche de aulas

Das ANPAS dos colexios de Amoeiro, Vilardevós e Luíntra, onde está previsto que se reduzan unidades para o vindeiro curso.

Un grupo dunhas cen persoas entre proxenitores, rapaces, profesores, sindicalistas e políticos cortaron o tráfico este luns fronte á xefatura territorial de Educación na rúa Concello de Ourense para amosar a súa oposición ao peche de aulas en varios colexios de concellos rurais da provincia.

Os centros afectados pola decisión da Consellería de Educación –aínda non oficial- de diminuír docentes e unidades de Educación Infantil e de Primaria e agrupar alumnos de diferentes idades na mesma aula son os CEIP Ramón Otero Pedrayo de Amoeiro, CEIP Rodolfo Núñez de Vilardevós, CEIP de Luíntra en Esgos, ademais dos colexios de Casaio en Carballeda de Valdeorras, Manuel Respino da Rúa, de Coles, de Entrimo, da Veiga, de Xunqueira de Espadanedo e de Crespos. Ademais, pechará o CEIP de Calvos de Randín.

Nas pancartas dos manifestantes podíanse ler lemas como “o rural tamén existe”, “educación de calidade no rural” ou “máis recortes, menos nenos igual a morte do rural”. Unhas queixas que tamén expresaba Raúl Fernández, secretario xeral dos socialistas ourensáns, que apoiaba a protesta. “Reivindicamos o mantemento destes servizos públicos; nunha época de recortes se algo ten prioridade e hai que manter é o sector educativo”, dicía, acusando ao Goberno da Xunta non só de ser “consentidores” da desertización do rural senón tamén de levar a cabo “políticas proactivas” para a desaparición do rural.

Logo de media hora de cánticos e pitos, os manifestantes daban por remataba a concentración e quedaba restablecido o tráfico na rúa Concello.