Estará ubicado en Ourense para ofecer a maior accesibilidade a estudantes e público en xeral.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao escultor Florencio de Arboiro con quen analizou o que será o futuro “Museo da Roda de Afiar”, proxecto incluído no Plan 15-19 da Deputación de Ourense que ámbolos dous están a deseñar.

O museo terá a súa ubicación na cidade de Ourense, coa finalidade de ofrecer a máxima accesibilidade para estudantes e público en xeral. O presidente do goberno provincial e o escultor falaron dun referente que pode servir de modelo como é o “Museo da Cuchillería”, de Albacete, “pois o obxectivo é facer un museo interactivo relacionado cos afiadores e todo o que leva consigo esta figura dende o punto de vista etnográfico, cultural e social para a provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar, quen engade que se está a traballar tamén “nunha unha unidade didáctica para amosar a historia dos afiadores e a súa xerga propia: o Barallete”.

Ciclo de cine de verán
Nesta mesma liña, o presidente provincial destacou que a película documental «A última viaxe do afiador», de Aitor Rei, “terá un papel protagonista na promoción da figura do afiador”, e por iso a Deputación colabora coa realización dun ciclo de cine de verán que proxectará entre os meses de xullo e setembro o filme en 15 concellos da provincia de Ourense,: Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Xunqueira de Espadanedo, A Teixeira, Esgos, Maceda, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, A Peroxa e Baños de Molgas.