Conselleiro de Cultura na Fundación Curros Enríquez

O convenio servirá para divulgar as accións que se desenvolven en torno á figura e obra do senlleiro escritor celanovés.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal o departamento educativo da Xunta se compromete a destinar 15.000 euros á entidade para axudar a sufragar as actividades que esta última realiza ao longo do ano.
Trátase dun acordo que afonda nun dos compromisos da Consellería, que non é outro que divulgar e promover a cultura e o patrimonio galego, co obxectivo de achegalo o máximo posible á sociedade en xeral. Por este vieiro camiña o convenio asinado, a través do que o departamento dirixido por Román Rodríguez mostra o seu apoio tanto á entidade como ás accións realizadas dende a Fundación co obxectivo de manter viva a figura e a obra de tan senlleiro escritor.

Ademais do conselleiro, á visita á Fundación tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Actividades de promoción da cultura celanovesa
Deste xeito, a colaboración engloba actividades como o programa escolar ‘Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio’, no que os alumnos e alumnas descobren a vila a través dos textos de escritores nativos; roteiros culturais por Celanova e os seus arredores ou a VII Xornada de convivencia en Celanova ‘Curros Enríquez’, na que están invitados a participar todos os centros de Galicia que leven o nome do poeta.

Tamén se organizan, entre outras actividades, viaxes a outros puntos da Comunidade para que os participantes coñezan o resto de escritores galegos e portugueses contemporáneos dos poetas celanoveses, convócase o Premio Celanova, Casa dos Poetas –que se entrega o domingo seguinte ao aniversario do falecemento de Celso Emilio Ferreiro–, celébranse obradoiros orientados aos máis pequenos da vila para fomentar o hábito lector e organízanse diferentes exposicións temporais na Fundación.

Aproveitando a visita do conselleiro, a Fundación inaugurou no segundo andar da Casa dos Poetas a mostra ‘Carlos Casares e a fotografia’ organizada pola Fundación Carlos Casares e representada nesta ocasión por Javier Casares e Gustavo Adolfo Garrido García. A mostra de 32 fotografías realizadas por Carlos Casares durante as súas viaxes e do seu entorno familiar poderá visitarse ata o mes de setembro en horario de martes a sábado de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas.