A actividade contou coa participación de 24 rapaces de entre 8 e 14 anos que aprenderon con ela a cociñar e coñecer os produtos no mercado.

O pasado 30 de xullo realizouse a entrega de diplomas aos participantes do I Celanova Chef, organizado pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova. O curso obtivo un gran éxito de participación sendo 24 os rapaces de entre 8 e 14 anos que se anotaron para aprender a cociñar e coñecer os produtos no mercado.

Nesta última sesión realizouse unha saída ao supermercado co cociñeiro Martín Álvarez para aprender a diferenciar e escoller os produtos axeitados ás receitas que vaian elaborar.

Durante catro sesións anteriores (celebradas os días 14, 17, 21 e 24 de xullo) os rapaces elaboraron cada día comidas doces e salgadas, aprenderon a traballar e cocer diferentes tipos de masa, investigar e probar con diferentes produtos (por exemplo patacas fritidas con chocolate) e sobre todo coñecer e practicar a forma de traballar cos alimentos.

Con produtos de primeira calidade como as patacas, o mel, o queixo ou as galletas mariñeiras enviadas como agasallo de colaboración polo CRIPX Pataca de Galicia, CRIPX Mel de Galicia, Consello Regulador Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa e Sociedad Lugar da Veiga SLL os rapaces de Celanova realizaron galletas, aperitivos, pizzas que degustaron no propio curso e que ademais puideron levar á casa para satisfacción dos propios pais, que transmitiron á Fundación Curros Enríquez o ánimo para volver repetir esta experiencia.