Do 4 ao 8 de agosto acolle a segunda edición do Festival Hércules Brass.

Tras o éxito do primeiro, o quinteto que lle dá nome a esta iniciativa agarda a consolidación deste encontro musical, “que intenta converterse no mellor escaparate da música de vento-metal dentro do panorama artístico galego”, explican.

Clases maxistrais, coloquios, concertos e actividades de lecer son algunhas das actividades deste ano.

Ademais, como complemento desta variada oferta e tomando en conta as propostas feitas polos asistentes na primeira edición, introdúcense novidades como o taller de respiración «O método das tres chaves» (de mércores a venres, de 9 a 9:45 horas) e as clases de música de cámara onde o alumnado realizará un concerto.

Músicos recoñecidos como José Forte, Pierre Badel, John Aigi Hurn, Iago Ríos, J. Bernardo Silva ou Jon Etterbeek son algúns dos encargados das leccións de cámara e maxistrais.

Concertos

Dentro do programa deste segundo festival atopamos varios concertos de cámara, que terán lugar ás 20:30 horas no Claustro do Mosteiro de San Salvador (en caso de choiva trasládanse ao Auditorio Ilduara) e custará a entrada 6 euros. O concerto de inauguración será o mércores 5 a cargo do grupo anfitrión Hércules Brass Quinteto de Metais; o día 6 será o turno de Odaiko Percussion Group; o 7, de Trompas Lusas (Portugal) e o 8 clausuran Eburon Quintet (Bélxica).

Así mesmo, de martes a sábado haberá música de rúa. O día 4 ás 20:30 horas na Igrexa do Mosteiro terá lugar un concerto de órgano de Marisol Mendive e outros profesores, e ás 23:30 actuarán Renegados. O mércores ás 23:30 horas será o turno de Marina & Fran, o xoves á mesma hora de Deep Mind 4tet, e o venres tamén ás 23:30 horas de The Turre´s Band. O sábado ás 13 horas actuarán no Claustro do Mosteiro os alumnos de música e ás 23:30 a Banda Municipal de Celanova. Todos estes concertos terán entrada gratuíta.

Venda de entradas
Para asistir a todos os concertos de cámara hai a posibilidade de mercar un aboamento por un prezo de 20 euros.

Así mesmo, as entredas poden adquirirse anticipadamente na Oficina de Turismo ou o propio día da actuación na Oficina de Arcos ou a partir das 19:30 horas no Claustro do Mosteiro.

[Imaxe da edición anterior do festival facilitada por www.herculesbrass.com]