O castelo de Monterrei será sede este xoves das actuacións de Emilio Rúa e Uxía e Narf.

A fortaleza de Monterrei acolle este xoves unha nova xornada do programa ‘Vive o Castelo’, aterceira xa deste conxunto de actividades lúdico-culturais promovidas por Turismo de Galicia que están a dinamizar a contorna do castelo e a ampliar a oferta turística deste territorio.

Nesta nova xornada de ‘Vive o Castelo’ a fortaleza acollerá, a partir das 20:30 horas, as actuacións musicas de Emilio Rúa e Uxía e Narf.

O primeiro concerto correrá a cargo de Emilio Rúa, un cantautor con máis de 15 anos en activo que, cantando sempre en galego, conseguiu chegar a todos os públicos e acadar os maiores recoñecementos. A fortaleza encherase das súas letras e melodías pegadizas en galego que, xunto cunha alta calidade nas composicións, son os seus sinais de identidade.

A outra actuación da xornada a protagonizarán Uxía e Narf, dous dos maiores talentos da música galega das últimas décadas. Mañá o público que se achegue ata o Castelo de Monterrei poderá descubrir o seu primeiro disco conxunto que están a presentar en diferentes puntos de todo o mundo, As baladas da Galiza imaxinaria, onde unen as súas voces acadando un resultado que supón un salto cualitativo do noso cancioneiro.

Ademais, esta segunda xornada de ‘Vive o Castelo’ inclúe tamén dúas visitas guiadas teatralizadas, que darán comezo ás 20:00 horas e as 22:30 horas, nas que a cidadanía poderá visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores deste ben de interese cultural e público.