O vindeiro mércores 12 de agosto poranse en funcionamento, cun prezo de 14 euros, os circuítos turísticos Vidago-Chaves-Verín.

Estas actividades buscan enriquecer a visita a Chaves-Verin e alongar as estancias no destino. Os circuitos están patrocinados pola AECT Eurocidade Chaves Verín, organizados por Living Chaves e colaboran neles Chaves Termo Spa e a Associaçao Hoteleira e Restauraçao do Alto Támega.

A iniciativa púxose en marcha en xuño pasado no seo dunha reunión dos equipos técnicos municipais de Chaves e Verín cos hoteleiros. Nese momento constituíuse un grupo de traballo integrado por técnicos e empresarios que teñen avanzado na programación destas excursións. Os circuítos xorden da necesidade detectada polos hostaleiros de encher de actividade as estancias dos seus hóspedes, alén dos servizos termais.

Os circuítos comezan este mércores con dúas opcións: «Augas e viños do val do Támega: Excursión por cantos singulares de Chaves e Vidago», con visitas aos parques e augas de Cabreiroá e Vidago, aos artesáns de Nantes, ás adegas da D.O. Monterrei e a Tras-vos-Montes. A segunda excursión denomínase «As portas do Parque Nacional Peneda-Gerés: Excursión a Verín, Montealegre e Boticas», e inclúe viistas ao Castelo de Monterrei, Verín, Ecomuseo de Barroso, e castelo e vila de Montealegre.

Os circuítos teñen partida e chegada en Vidago, Chaves e Verín.