Roi Casal

O venres 14 de agosto, a partir das 23:00 horas, a praza García Barbón de Verín acolle un concerto no que Roi Casal presenta o seu último disco,» Donos do noso destino».

O concerto, con entrada gratuíta, está patrocinado e organizado polo Concello de Verín e insírese no programas das Festas da Patroa de Verín, Santa María “A maior”. En caso de choiva, o evento desprazaríase para o pavillón municipal. 

Roi Casal, músico, compositor e cantante de gran virtuosismo, realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea. O artista está considerado unha das principais referencias fóra do país da música galega actual.

Entre os anos 2000 e 2009, Casal, formou parte de Milladoiro. Tras unha década coa formación de maior proxección internacional da música galega, comezou a súa carreira en solitario. En 2008, publicou «Lendas douradas», que sería o disco máis vendido en Galicia no ano 2009. En 2011, Roi Casal leva ao mercado o disco «Maxicamente vello». Na xira de presentación dese disco realiza máis de 50 concertos. Con «Maxicamente vello» obterá diversos galardóns como o Premio Internacional Cubadisco. En 2014 e 2015 presentando o disco que agora o trae a Verín, Donos do noso destino, viaxou a Suíza, Uruguai, Arxentina e Cuba. Músicas creadas por Roi Casal son banda sonora de series de éxito na TVG, como “Caseiros” ou “Pazo de Familia”.