Homenaxe a veciño centenario en Vilar de Santos

Antonio Nogueiras é o terceiro veciño con máis de 100 anos do municipio.

Con motivo do seu 100º aniversario, o Concello de Vilar de Santos, xunto con veciños, familiares e amigos realizou un acto de recoñecemento a Antonio Nogueiras Melio este pasado sábado 15 de agosto no salón multiusos da casa consistorial.

«Máis aló da merecida e humilde homenaxe que todos lle facemos, o que pretendemos é deixar constancia do noso afecto sincero a un home sinxelo», explicaban desde o Concello nun comunicado.

Dase a circunstancia que o seu cuñado Manuel Miguez Quelle -o «Manuel Pequeño»-, que conta agora con 103 anos, foi o primeiro homenaxeado polo Concello de Vilar de Santos en decembro do 2011, e puido estar presente nesta homenaxe.

Neste tempo houbo outras dúas celebracións a veciños centenarios: en 2011 o de Manuel Miguez e no 2014 o de José Gonzalez.