Aseguran que os prezos que pagan noutras vilas limítrofes ou de similar entidade de poboación son inferiores aos que se pagan no Concello de Xinzo.

O Grupo Municipal Socialista levará una moción as comisións do vindeiro día 24 de agosto, para modificar a ordenanza que regula a instalación de mesas e cadeiras en vía pública.

A súa portavoz, Elvira Lama di que a ordenanza está “un pouco obsoleta xa que os prezos nos parecen abusivos, tal como van os negocios de hostalería en Xinzo, sobre todo dende o 2014 para acá, terrazas baleiras en pleno mes de xullo e agosto, e non é pola inclemencia do tempo, senón porque as economías están frouxas, e faltan clientes”.

Explican na súa moción os socialistas que o sector da hostalería «con forte implantación na vila», está a sufrir o impacto da crise en toda a súa crueza, «por non ter eventos que atraian a visitantes salvo en festas sinaladas, como o Entroido, o Esquecemento e na festas patronais».

“Dende o Grupo Municipal Socialista pensamos que é necesario, tamén dende as institucións, axudar a paliar eses efectos rebaixando as tarifas pola instalación de mesas e cadeiras, en vía pública. Así mesmo, tamén vemos a necesidade de adecuar e modernizar a mencionada ordenanza para que os elementos teñan determinadas formas, cores e fisionomía comúns e tamén que se cobren outros elementos adicionais que teñen algúns negocios, e outros non, como poden ser estufas, mamparas, zonas pechadas etc… en colaboración coa Policía Municipal para que non se interrompa a seguridade dos viandantes, e en colaboración cos técnicos de urbanismo do Concello, que decidan cales son as normas mais axeitadas”.

O PSOE toma como referenza ordenanzas de vilas de igual ou similar tamaño a Xinzo. Así, en Allariz cóbrase 6 euros por mesa ao mes no casco histórico e tres no resto da vila, e só nos meses de xuño, xullo e agosto. En Verín os prezos para un establecemento ubicado en zona denominada de primeira categoría son de 45,50 euros ao mes por metro cadrado de ocupación, mentres que no Carballiño cóbrase 5,25 euros por mesa e mes. No Barco hai prezo único de 30 euros ao ano, cantidade que sobe un 300% os días de festa. E en Ourense capital cóbrase na zona dos viños 40 euros por mesa ao ano.

A proposta de acordo socialista pide revisar á baixa o prezo das tarifas que deban pagar as mesas e cadeiras en vía pública, e que se toda a ordenanza «co fin de modernizala e adecuala a outras de vilas do noso entorno, incluíndo novos elementos e fixando as normas que diten os informes de técnicos na materia, Urbanismo e Policía Local».