Pleno en Verín

A corporación aprobou por unanimidade a operación de crédito que axudará a facer fronte ao déficit de caixa existente.

O Concello de Verín contratará un crédito de 2.480.000 euros para atender as necesidades transitorias de tesourería, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada este venres. Malia que a ratificación da urxencia da convocatoria só contou cos votos a favor de PSOE e BNG ( o PP abstívose), os populares si deron o seu apoio á operación de crédito a curto prazo, que se aprobou por unanimidade.

O alcalde de Verín, o socialista Gerardo Seoane, explicou que a proposta de contratación do préstamo xorde “como consecuencia de que os tributos municipais se recadan, na súa maior parte, nos últimos meses do exercicio, e sendo preciso atender a necesidades transitorias de Tesourería, así como adiantar fondos para a percepción das subvencións concedidas, e financiar proxectos de investimento con recursos correntes, precísase tramitar un anticipo de tesouraría”.

Trala lectura da proposta de alcaldía o voceiro do PP, Juan Manuel Jiménez Morán, comezou a súa intervención “para aclarar conceptos que se publicaron na prensa sobre esta operación. Toda a operación non é para financiar o Centro das Artes, tamén é para adiantar cartos de subvencións da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, segundo o convenio asinado. É algo normal”. Aclarou Jiménez Morán.

Morán tamén quixo deixar claro que o grupo popular apoia non pagar “un euro máis do ofertado” polo contratista;
“sería ilóxico e inxusto para outras empresas. Se a empresa paraliza as obras, débese reter o aval e tomar todas as medidas legais que se precisen.” Aclarou Morán.

Pola súa parte, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura iniciou a súa intervención expondo que “non é agradable para o goberno municipal facer a esta operación pero é evidente o déficit de caixa existente. A situación é complexa xa que este goberno traballa cun orzamento herdado. A responsabilidade política obriga a traer esta operación a esta sesión. Malia todo, o crédito cancelarase pronto”, explicou o tenente de alcalde. “Respecto o Centro das Artes, este goberno ten claro que non pagará un euro máis polas obras”, recalcou Lourenzo Moura.

Lourenzo Moura propuxo que, para evitar recorrer a estas operacións, o goberno quere modificar o calendario do contribuínte e fraccionar o pagamento dos tributos en dúas veces.

Para rematar a súa intervención, Jiménez Morán, explicou que os desfases débense a que o cobramento da maioría dos tributos é en novembro “na lexislatura anterior fíxose unha comisión para modificar o calendario aínda que houbo problemas de Intervención”.

O alcalde, Gerardo Seoane, rematou o debate dirixindose ao voceiro popular e aclarando que a operación de crédito debeuse facer en abril ou en maio.“Agora estamos nun límite que pode ter importantes consecuencias para o concello” rematou Seoane.

Así, o Concello contratará unha liña de crédito de 2,4 millóns de euros e invita a participar no procedemento de adxudicación a todas as entidades financieiras con sucursal aberta no termo municipal de Verín así como ao BBVA.