O voceiro socialista Pablo Lorenzo dí que “Xaquín é un alcalde ocupa” que xa tería que ter dimitido por coherencia persoal e política.

 

O PSdeG de Rairiz de Veiga denuncia as «artimañas» do alcalde da localidade, Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio, para seguir no cargo. O voceiro socialista, Pablo Lorenzo, recorda que Rodríguez Ambrosio fora condenado o pasado 26 de xuño polo xulgado do Penal nº2 de Ourense a unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un período de oito anos e medio por un delito de prevaricación continuada.

O socialista recorda que a principios do mes de agosto «correspondería a celebración dun pleno ordinario que non convocou, para que a oposición non lle poidera presentar ningunha moción na que se solicitase entre outros asuntos a súa incompatiblidade». Pola contra, o rexedor convocou un pleno extraordinario para este xoves 27 de agosto, ás 11 horas, «para evitar calquera posibilidade de remoción do cargo», acusan desde o PSdeG.

O portavoz socialista continuará solicitando a celebración dun pleno ordinario para poder exercer llabores de fiscalización e control que lle corresponden e plantexar temas de interés para o concello de Rairiz. Lorenzo pídelle ao político -que solicitara a súa baixa do PP ao coñecer a setenza, que «deixe o orgullo persoal a un lado e que mire polo ben dos veciños, o pobo de Rairiz non merece un concello paralizado por capricho dun alcalde inhabilitado».