Presentación do desfile de moda de Verín

O desfile celebrarase o día 26 de setembro, as 20:30 horas, no Pavillón Municipal de Deportes.

O evento está organizado por AEVER coa colaboración do Concello de Verín, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Este venres 18 de setembro, de 17:00 a 20:00 horas terá lugar un cásting infantil, tamén no Pavillón Municipal de Deportes, no que se seleccionarán ata 56 menores, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que participarán como modelos por un día na pasarela.

“Pasarela Verín de Moda” será un desfile de moda, cun alto carácter escénico, no que se amosarán distintas coleccións. No evento participarán modelos profesionais e artistas, principalmente galegos, do panorama actual. A participación de marcas, casas, deseñadores e comerciantes de renome, fará deste evento un acto altamente desexado e agardado ano tras ano, que dinamizará o mes de setembro, o mes elixido por ser o cambio de tempada para o comercio, e un mes ao que se lle quere dar protagonismo de cara ó reclamo turístico e a actividade comercial.

O espectáculo constará dunha impresionante apertura, pases de moda das diferentes casas participantes e actuacións enfocadas a tódalas idades. Sen dubida, a pasarela será un xigante escaparate do potencial comercial de Verín que atraerá, ademais dos cidadáns de Verín, a técnicos, modelos, artistas e foráneos que coñeceran mellor e verán a singularidade do comercio de Verín.