Ás 20:30 horas a Casa da Cultura acolle a representación teatral “Perseguindo un soño”.

Para conmemorar o día do Alzhéimer, o 21 setembro, a área de maiores dos Servizos Sociais Comunitarios de Verín en colaboración co grupo teatral «La caja de Pandora», organizan a a representación da obra teatral «Perseguindo un soño, que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 20:30 horas.

Así mesmo, pola tarde terá lugar un obradoiro de Arte-terapia con maiores do Centro Sociocomunitario de Verín e do asilo, na aula de audiovisuais da sala de exposicións da Casa da Cultura. Monitores voluntarios e maiores, realizarán creacións artísticas co título «A vellez non significa esquecer». Ó remate exporanse na antesala do Salón de actos.

Coñecedores e sensibilizados nos temas dos maiores e máis concretamente en aquelas enfermidades neurodexenerativas como é o caso das demencias, que cursan irremediablemente na dependencia absoluta da persoa, quérese conmemorar este día cun acto cultural poñendo en relevancia, por uns intres, a dureza desta enfermidade dende unha óptica artística.

Froito da preocupación por esta realidade, púxose en marcha o Programa Integral de Apoio a coidadores formais e familiares, consistente na realización de distintos monográficos de formación para coidadores formais e a próxima creación dun grupo de axuda mutua para os familiares coidadores. Espazo grupal onde resolver dúbidas, expresar emocións e formación con profesionais para a procura dos mellores coidados no fogar.

Na actualidade, esta enfermidade representa un dos problemas máis importantes de saúde do século XXI.