O filme, galardoado cun Óscar e un Goya, exhibirase este sábado 26 ás 20 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.

“Ida”, película que obtivo o Óscar á Mellor Película de Fala non Inglesa e o Premio Goya á Mellor Película Europea, proxectarase o sábado 26, na Casa da Cultura, en dous pases: ás 18 e ás 20 horas. O prezo da entrada ás películas do ciclo de outono de Cinemas de Galicia, no que se programa, é de 3 euros.

Con este drama para maiores de 7 anos, o polaco Pawel Pawlikowsk xa obtivera con anterioridade, entre outros, os galardóns á Mellor película no Festival Internacional de Cine de Londres e no Festival Internacional de Cine de Varsovia; e o Premio da Crítica Internacional no Festival Internacional de Cine de Toronto.

“Ida” é un filme que engaiola pola súa beleza e fascina pola súa sensibilidade. Cóntanos a historia de Anna, unha novicia que, na Polonia de 1960, e a piques de tomar os seus votos como monxa, descobre un escuro segredo de familia que data da terrible época da ocupación nazi. Ela tamén é xudía e o seu verdadeiro nome é Ida.