Xornada de Galicia Emprende

A Xornada Galicia Emprende estivo organizada conxuntamente polo Igape e a Escola de Organización Industrial.

 

Este venres desenvolveuse na sede da Confederación Empresarial de Ourense a Xornada Galicia Emprende, organizada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e a Escuela de Organización Industrial (EOI). O obxectivo desta xornada técnica era promover o espírito emprendedor e achegar aos emprendedores ourensáns os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas.

Na presentación da xornada, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez salientou que a finalidade é procurar que os emprendedores coñezan os instrumentos idóneos para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, deste modo, a dar “un impulso definitivo para a reactivación do tecido produtivo” . En definitiva que “ningún proxecto viable deixe de poñerse en marcha por falta de asesoramento ou dos apoios axeitados ás súas necesidades e peculiaridades”.

Segundo informou o delegado territorial, Economía e Industria activou, a través do Igape, un amplo catálogo de axudas, para impulsar a actividade dos empresarios galegos. Destacando entre outros os préstamos Jeremie, para financiar operacións a partir de 70.000 euros; e os microcréditos de ata 25.000 euros, con xuros que poden acadar bonificacións de ata 3 puntos.

Os emprendedores que participaron neste encontro arredor do emprendemento, de carácter gratuíto, recibiron asesoramento experto sobre aspectos de xestión empresarial como marketing, finanzas, estratexia ou internacionacionalización.

O programa da xornada incluía tamén o desenvolvemento de talleres de comunicación sobre o plan de negocio e de adestramento en técnicas de xestión empresarial, así como unha charla de financiamento e unha mesa redonda con experiencias de emprendedores da provincia. Nela participaron representantes dos proxectos Trend On me, do sector téxtil; Eolicia, unha empresa de enerxías renovables; e por último, Grupo Reboreda Morgadío, do sector vitivinícola.