CCOO sinala que as medidas adoptadas ante as caídas rexistradas son “insuficientes, debido en gran medida ás deficiencias na construción”.

Este luns ao redor das 14 horas unha usuaria do edificio xudicial caeu ao tropezar nunha baldosa desnivelada na explanada que da acceso. Como consecuencia o 061 tivo que trasladala ao CHUO.

Ante este novo accidente no acceso ao edificio xudicial ourensán, inaugurado fai só 7 meses, CCOO reitera “as numerosas deficiencias detectadas tanto no interior coma no exterior e que tantos problemas están ocasionando a traballadores e usuarios”. Dende o sindicato lembran as numerosas caídas acontecidas neste tempo, as cales precisaron na maioría dos casos a intervención de profesionais sanitarios.

Ante estes feitos e as numerosas demandas, a Administración procedeu a tomar medidas, pero dende CCOO considérannas “claramente insuficientes, ao non conseguir evitar este tipo de situacións”. A seu xuízo, “vai ser difícil chegar ao risco cero, xa que o conxunto da obra ten problemas estruturais ou defectos na construción”.

Como consecuencia, CCOO lamenta que despois dos máis de 18 millóns de euros invertidos neste edificio “que non contentou a ninguén, nin traballadores, nin colectivos profesionais, nin usuarios, aínda se sigan producindo estas situacións que poñen en risco a integridade física das persoas”.