Segundo o goberno actual, os técnicos municipais sinalan que foron os populares os que autorizaron as obras “de forma ilegal”.

Un expediente de Disciplina Urbanística, iniciado o pasado día 21 dende este departamento do Concello de Verín, ordeou a paralización das obras do edificio da parcela da Avenida Luis Espada nun. 46 esquina coa Avenida de Portugal num. 2. Dita orde paralización foi notificada aos construtores nesa data, como consecuencia do desaxuste entre a obra en execución e a obra autorizada no seu día.

O Goberno municipal desminte así rotundamente as afirmacións, ao seu xuízo “inxuriosas”, verquidas polo exalcalde Jiménez Morán, asegurando que “só a mala fe e o descoñecemento absoluto da realidade de Verín” poden estar tras de “acusacións con nulo fundamento e carentes de todo rigor técnico”.

A orde de paralización da obra foi emitida o día 21 de setembro, e no expediente, “consta a notificación ó promotor da citada orde de paralización”. O Goberno de Verín quere deixar constancia, ante estes informes, “da absoluta legalidade das actuacións do consistorio, que en todo momento seguiron os criterios dos técnicos de Urbanismo e se axeitaron ás disposicións legais”.

Licencia concedida polo PP
O informe de Disciplina Urbanística recolle así mesmo que as licenzas concedidas a esta obra datan do 28 de agosto de 2012 e do 17 de xuño de 2014 –datas nas que gobernaba Jiménez Morán- de xeito ilegal, “xa que non resultaba legalmente esixible a necesidade da previa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura”. “Desta forma”, continúa o informe técnico, “prexudicouse ao promotor da obra, ó incluir condicións de protección de patrimonio que non estaban xustificadas legalmente”.

O Departamento de Disciplina Urbanística continúa no seu informe explicando que “con data 2 de febreiro de 2015 o promotor das obras solicitou una nova licenza municipal de obras para modificar o proxecto previamente autorizado de acordo coa nova normativa urbanística municipal vixente, é dicir, o PXOM de Verín de data 7 de decembro de 2012, que lle permite a ampliación dunha pranta máis o edificio previamente autorizado.”

Os técnicos municipais sinalan que este expediente administrativo está sendo tramitado conforme ás disposicións legais aplicables, tras subsanar as deficiencias advertidas polos Servizos Técnicos Municipais. O informe conclúe que “a diferencia do expediente administrativo tramitado polo anterior goberno municipal que descoñeceu claramente a normativa aplicable, prexudicando ao promotor ao concederle unha licenza incluíndo condicións de protección de patrimonio gravosas para o seu dereito a edificar”.