Propoñen realizar a obra co remanente de tesouraría que ascende a 925.000 euros.

O Partido Popular de Barbadás presentou no rexistro municipal unha moción, para o seu debate no próximo pleno, na que presenta unha serie de propostas para mellorar a accesibilidade ao futuro centro de saúde da Valenzá.

Os populares instan ao equipo de goberno a que estude as medidas propostas, posto que “o soar que se puxo a disposición da Xunta de Galicia ten unha cota superior á avenida de Celanova e por tanto unha accesibilidade complicada para as persoas con mobilidade reducida”.

Para a mellora dos accesos ao novo centro de saúde, proxecto que lembran “foi promovido polo PP no anterior mandato”, os populares de Barbadás propoñen tamén que se financie co remanente de tesouraría que deixaron na súa etapa de goberno e que ascende a 925.000 euros.

Ampliación de escolas deportivas
Xunto con esta moción, o PP rexistrou tamén unha segunda proposta na que expón a fórmula máis conveniente para poñer a disposición do Concello os terreos necesarios que permitan ampliar e mellorar os campos de fútbol de Parada e Piñor.

Conscientes da masificación da escola deportiva de fútbol, os populares de Barbadás poñen a disposición do equipo de goberno a documentación precisa para localizar aos donos dos terreos adxacentes aos campos de Parada e de Piñor e, así, conseguir ditas parcelas mediante a forma xurídica oportuna e poñelas a disposición das escolas deportivas, o cal permitirá aumentar a oferta deportiva e o número de alumnos.