Actividade de promoción da saúde bucodental en Vilar de Barrio

A campaña “Coidando a miña boca. Unha boca sa para sempre” iniciouse no CEIP de Vilar de Barrio e percorrerá 35 centros educativos.

O CEIP da localidade ourensá de Vilar de Barrio acolleu esta mañá o inicio do programa «Coidando a miña boca. Unha boca sa para sempre» que forma parte das actividades de promoción da saúde que promove en Ourense a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuíña e que se oferta aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar, acudiu a esta actividade e animou aos 20 escolares que participaron nela a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, como o cepillado dental correcto, o consumo dunha dieta que evite a carie e a asistencia ás revisións dentais periódicas.

A actividade dirixida ao alumnado de 6º de educación primaria consiste nunha charla teórica que exporá as funcións da boca, enfermidades máis frecuentes e as medidas preventivas, entre outras noción, incidindo nas dietas baixas en azucre para atallar a carie dental. Logo, os rapaces participarán nun xogo chamado “Saber e gañar en saúde bucodental” con preguntas relacionadas coa charla, sobre un taboleiro que semella unha arcada dental.