Entre as novidades deste ano atópase cine 6D e unha noria xigante.

Pazolandia, o evento infantil organizado pola Deputación de Ourense dende 1993, que converte o Pazo dos Deportes Paco Paz no maior parque de atraccións estacional de Galicia, abrirá as súas portas do 26 de decembro ao 4 de xaneiro. A presentación do programa tivo lugar hoxe coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente do Pazo dos Deportes, Ángel Cid, e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.

Un ano máis prevese que unhas 30.000 persoas (4.000 delas nenos e nenas dos concellos da provincia de Ourense) visiten Pazolandia nestas datas de Nadal. En total, a organización pon a disposición dos visitantes uno 8.000 metros cadrados de instalacións que acollerán máis de cen actividades de lecer, entre atraccións clásicas de feira, obradoiro de realidade virtual, ludoteca e multiespazo de videoxogos. Pazolandia, que este ano cumpre a súa 23ª edición, desenvolverase do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, con dúas sesións diarias, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. O prezo da entrada mantense en 4 euros.

Novidades

Entre as novidades deste ano destacan un cine 6D, e nos exteriores o carrusel cadenas. No interior da instalación instalarase unha noria xigante que dará máis espectacularidade e vistosidade ao recinto.