Festival A Casa Volve

Os concertos en defensa da Casa da Xuventude reúnen a catro xeracións de músicos de Ourense.

A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude organizou o sábado 26 de decembro a actividade reivindicativa ‘A Casa Volve polo Nadal’, na que catro xeracións de músicos ourensáns tocaron para recuperar un espazo no que moitos deles creceron como artistas. Dende as 17 ás 21 horas a música inundou o patio do IES As Lagoas, nun evento que xuntou a case 500 persoas nun ambiente festivo e con altas doses de nostalxia, pero tamén enfocado ao futuro e á recuperación dun espazo que a mocidade nunca debeu perder.

Os concertos comezaron con dúas bandas de xente nova, Roswell e Chaos of Silence, que demostraron que Ourense segue a ter música por todas as esquinas. A continuación e tras a presentación por parte de Carlos Rafael, guionista e coñecido activista cultural da cidade, comezaron a tocar as bandas de músicos vencellados á Casa da Xuventude ao longo da súa historia. The One Wild Rides, con antigos compoñentes de Barbero Floyd, recordaron os anos 90 e o garaxe punk que soaba no pub Soda. A continuación, Cosecha Roja, que inauguraron como Viernes y los Robinsones e Última Fila os concertos na Casa da Xuventude aló polos últimos anos 80, tocaron moitas das súas grandes cancións. Carlos Rego e compañía recordaron os concertos anti OTAN e o comezo da música independente en Ourense.

Por último e como colofón a unha tarde histórica, Os Carallos de Ourense, a banda da que xurdiría Lamatumbá, puxo patas arriba o patio do instituto cun repertorio cheo de cancións que xa forman parte da historia da cidade. Licor Café, Dolores, Watercumbia e todas as que tocaron na media hora que estiveron no escenario demostraron por que Lamatumbá xa é hoxe un grupo mítico na música de Ourense e de Galicia.

Ico, cantante d’Os Carallos, pechou o evento reivindicando a recuperación dos espazos públicos ao berro de “Eu son da Casa!”