Pleno Deputación Ourense

Tamén se aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Ourense e do Inorde para o período 2016-2019.

 

O pleno da Corporación Provincial aprobou o martes 29 de decembro o Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2016, inicialmente aprobada na sesión ordinaria do 25 de setembro de 2015. A RPT 2016 introduce modificacións puntuais na estrutura de postos de traballo da administración provincial, consistentes na supresión do Servizo de Cooperación con efectos do mes seguinte ao da xubilación do actual titular da xefatura do servizo e a integración das unidades administrativas que o compoñen no Servizo de Vías e Obras, no que se crea unha Sección de Estudos e Proxectos, así como a creación de novos postos, supresión de postos vacantes e modificacións no sistema de provisión de determinados postos – reducíndose notablemente os postos de libre designación e os postos abertos á súa provisión por funcionarios doutras administracións públicas.

De todas estas modificacións, a única que esixe a adopción de medidas de reordenación de persoal é a de supresión do Servizo de Cooperación, ao ser preciso establecer mecanismos de asignación dos novos postos que lles corresponden aos empregados públicos titulares dos postos suprimidos.

Tamén se aprobou na última sesión plenaria de 2015 o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Ourense e do Inorde no que se fai unha planificación a longo prazo, que abrangue os exercicios económicos 2016,2017, 2018 e 2019. O Plan estrutúrase en sete liñas de acción que son: a cooperación coas entidades locais, o fomento da cultura, o fomento da educación, o fomento do deporte, o fomento do benestar social, o fomento do desenvolvemento económico e o fomento do asociacionismo veciñal.

O pleno tamén acordou aprobar a participación da Deputación na AECT Eurocidade Chaves-Verín e a moción de Democracia Ourensana sobre a adquisición da biblioteca «Benito Fernández Alonso», que queda supeditada á aclaración da propiedade da mesma, tendo en conta o acordo de cesión da citada biblioteca á entidade provincial do ano 1990.