É unha das melloras previstas no contrato de telecomunicacións da Xunta, que entrou en vigor este ano.

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de ampliar a 200Mpbs a velocidade de conexión a Internet do CEIP As Mercedes de Ourense. Grazas a esta mellora o centro, que contaba cunha liña de 4 Mpbs, terá un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos, permitindo a conexión simultánea dun maior número e o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

O CEIP As Mercedes de Ourense é un dos máis de 2.300 centros de servizos públicos beneficiados polas melloras previstas no novo contrato de telecomunicacións da Xunta, que entrou en vigor este ano. Durante tres anos a Administración autonómica incrementará, en máis dun triplo de media, o ancho de banda de 1.014 centros da área de Educación, 119 de servizos sociosanitarios e 45 sedes xudiciais.

Esta actuación ampliarase ata o 100% dos centros públicos de primaria e secundaria grazas a un acordo de colaboración entre a Amtega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  o Ministerio de Educación, Cultura e o Deporte e Red.es. Cun orzamento de 19,1 millóns de euros ambas Administracións dotarán de conectividade de 100mbps a outros 839 centros públicos, así como dun punto wifi por cada 60 alumnos en todos os centros.