Enclave de Cámara

O concerto do Dúo Amparo Lacruz + Andreu Riera será este xoves ás 20:30 horas no Teatro Principal. 

O xoves 7 de xaneiro, o ciclo Enclave de Cámara organizado pola Concellería de Cultura retoma a súa programación co concerto do Dúo Amparo Lacruz (violonchelo) e Andreu Riera (piano). Esta formación, que leva tocando xunta desde os seus tempos de estudantes no Real Conservatorio Superior en Madrid e na Guilfhall School of Music and Drama de Londres, teñen tocado con algúns dos máis prestixiosos músicos de cámara do mundo como Endellion String Quartet, o Trio Fontanay, Edith Vogel, Hans Graf, José Luís García e Charles Tunnell. O concerto será no Teatro Principal a partir das 20:30 horas, con entradas dispoñibles en ataquilla.com e na propia billeteira do Teatro unha hora antes da función.

Logo de varios anos vivindo en diferentes países e desenvolvendo por separado as súas importantes carreiras profesionais, Andreu Riera e Amparo Lacruz atópanse de novo e deciden enfocar o seu repertorio para un formato de dúo, gozando do excitante diálogo resultante das súas enriquecedoras e versátiles experiencias individuais. A súa perfecta comprensión musical e persoal, así coma as súas entusiastas e sensibles personalidades provocan a unánime aclamación de público e crítica. As súas interpretacións están fundamentadas nunha rigorosa técnica, pero tamén na espontaneidade e na paixón que transmiten.

Os seus concertos teñen sido emitidos por Euroradio, Mezzo International TV, Radio France e Radio Nacional de España, e agora veñen de presentar o seu último traballo: Winter in Flames, coas Sonatas para cello e piano de Bridge e de Chopin.